Empezamos semana e aquí tedes as tarefas para esta semana. Práctimente todas aparecen no libro de matemáticas. Os que non teñades libro, non vos preocupedes que continuamos propoñendo alternativa sen imprimir.
En todas as fichas: Esta semana comezade a practicar a escribir o nome e apelidos en minúscula na pauta coa que traballamos. Poñede o data tamén. Se lles é costoso, é mellor que poñan eles o nome e apelidos e a data con números.
Arte:
Primeiro rodeamos o punto central de cada unha das figuras xeométricas e despois coloreamos segundo o código de cores. Círculo de morado, cadrado de rosa, triángulo de verde e rectángulo de laranxa.
Podedes facer actividades previas como recoller obxectos pola vosa casa con diferentes formas xeométricas e clasificalas.
Pola parte de atrás do libro, tedes que facer unha serie co círculo vermello con punto e rodeando. Podedes facer máis exemplos con outras formas xeométricas como poño no exemplo.
Para rematar escribimos a data na pauta que empregamos.
Podemos complicalo e que teñan que escribir os nomes das formas na pauta. Podedes axudarlles pero facendo o son das letras, non dicindo o nome.
Versión sen imprimir: as familias ou os propios nenos fan as 4 formas xeométricas e vós facédeslle os puntiños. Os nen@s teñen que rodear o punto central e colorear segundo o código de cores que poñades. Despois facedes unha serie con formas xeométricas con punto, rodear, punto, rodear; tal como aparece na imaxe.
Grafo:
Tal como aparece na ficha feita por nós, temos que facer máis cadrados arredor do punto de cada un dos cadrados. Empregaremos primeiro o lapis e despois rotuladores de diferentes cores.
Para rematar pasaremos con cera tumbada por toda a ficha para darlle un toque de cor, pero cores claros, non vaiades empregar o negro e borrar todo o traballo.
Podedes xogar a facer un cadro con materiais cadrados que teñades en casa ou a facer figuras humanas, de animais ou outras cousas que se vos ocorran.
Outra opción de actividade é facer cadrados de diferentes tamaños, recortalos, decoralos tal como explicamos e despois volver a montalo noutro folio facendo algunha forma.
Versión sen imprimir: facemos cadros de diferentes tamaños e no centro un puntiño negro. Despois o nen@ fai como explicamos.
Lecto:
Repasamos con lapis as sílabas SA, SE, SI, SO e SU. Fixámonos que fagan ben o trazo das letras maiúsculas, sempre desde arriba.
Repasamos con lapis as sílabas en minúsculas e fixámonos tamén no trazo e que estén ben enlazadas as letras.
Despois temos que colorear o debuxo que teña S e tachar o que non teña S.
Podemos xogar a dicir palabras que conteñan S e tamén palabras que empecen por cada unha das sílabas e facer pola parte de atrás da ficha un listado de palabras. Tamén poden facer o debuxo dalgunha desas palabras.
Podemos xogar a dicir palabras que conteñan S e tamén palabras que empecen por cada unha das sílabas e facer pola parte de atrás da ficha un listado de palabras. Tamén poden facer o debuxo dalgunha desas palabras.
Non vos olvidedes de escribir o nome e a data.
Versión sen imprimir: facedes a pauta e os nen@s teñen que escribir as sílabas tal como mostra a imaxe. Eles mesmos poden facer o debuxo do Sol e da Lúa.
Lóxica:
Hai que pintar a cantidade de pinturas que nos manda o código de cores: 1 de azul, 2 de vermello, 3 de verde e 4 de amarelo.
Despois completaremos a recta numérica cos números do 0 ata o 10 contando cara adiante.
Pola parte de atrás do caderno, podedes facer outras rectas numéricas cos números do 0 ao 10 contando cara atrás e a data na pauta.
Versión sen imprimir: en lugar de pinturas, podedes facer círculos que é máis sinxelo para debuxar e poden facelo eles mesmos.
En casa podedes xogar á recta numérica. Precisamos pegatinas ou folios cos números do 0 ata o 10 e que se manteñan pegados ao chan. Colocámonos encima ou poñemos un boneco encima do primeiro número que é o 0 e imos subindo e baixando.
Tamén podemos facer sumas e restas con este xogo:
Mates:
Facemos sumas sinxelas con alimentos. Escribimos primeiro o valor de cada alimento no recadro correspondente e sumamos mentalmente.
Procurade que fagan do dereito os números. Se escriben algún do revés podedes dicirlle "mira ben que hai algún erro", a ver se eles mesmos se dan conta. Senón podedes correxirlle vós. Incluso podedes preguntarlle vós como se non entenderades e que vos teñan que explicar eles. En clase moitas veces facemos que nos confudimos para que vexan que os adultos tamén se confunden e así quitarlle o medo a errar.
Se lles costa facelo mentalmente, podemos facer boliñas. Por exemplo, na primeira suma, un iogur de 1€ e un melón de 4€. Facemos 1 boliña de amarelo e 4 boliñas de verde e sumamos as boliñas totais.
Previamente podemos facelo en casa con alimentos de verdade ou obxectos que teñamos en casa. Poñémoslle o prezo nun papeliño e xogamos a ser vendedores.
Pola parte de atrás, facemos triángulos contando as distancias e o tamaño. Primeiro con lapis e despois con rotulador negro. A base ocupa 4 cadradiños e a altura ocupa dous. Despois pintamos os triángulos das cores que manda. Podemos complicalo máis e empregar 4 cores: azul, vermello, amarelo e verde, azul, vermello, amarelo, verde.
Versión sen imprimir: en lugar de alimentos, os propios nen@s poden escoller 4 elementos a debuxar (animais, formas xeométricas) e vós darédelles o valor (de 1 ata 4€). Para facer os recadros podedes empregar un anaco de papel de cadros se tedes e senón debuxalos como fixemos nós.
Pasaporte:
Os que fostes a recoller as fichas ao cole podedes pegar no pasaporte as bandeiras dos seguintes países nesta orde: Reino Unido, Francia, Exipto e India. Debaixo de cada un hai que escribir Londres, París, Suez e Bombay e Calcuta. En principio teñen que ter pegado Reino Unido, Francia e Exipto. Non peguedes máis bandeiras, xa vos iremos dicindo nós. 😉
Os que non teñades o pasaporte non pasa nada. Non é esencial xa que non podemos viaxar con Phileas Fogg.
Ningún comentario:
Publicar un comentario